Thursday 19 de September de 2024

O Concello de Ordes reflicte un superávit de máis de 336.000 € na liquidación do exercicio 2015


Presenta un saldo positivo tanto nos resultados orzamentarios como no remanente de Tesourería, cumprindo satisfactoriamente co obxectivo de estabilidade, coa regra de gasto e co límite de débeda

O Concello de Ordes vén de dar coñecemento da liquidación correspondente ao exercicio 2015, cun saldo positivo tanto no apartado dos resultados dos orzamentos municipais como no remanente de Tesourería. O superávit alcanzado de 336.351 € fai que se cumpra satisfactoriamente cos obxectivos de estabilidade marcados polo Ministerio de Facenda tras acollerse o anterior Goberno Local, no ano 2012, ao Plan de Pago a Provedores.

O resultado orzamentario marca un importe de 288.382 €. Analizando esta cifra o apartado de Dereitos Recoñecidos Netos reflicte un total de case 9.090.000 €. Destes 8.771.350 € corresponden a operacións non financeiras e 318.374 a pasivos financeiros. No caso das Obrigas Recoñecidas Netas o importe ascende a case 9.404.000 €. Por operacións non financeiras foron 8.519.351 € e por pasivos financeiros 884.151 €.

O remanente de Tesourería ascende a 960.556 €. O cuadrante fixa, entre outras contías, arredor de 1.037.000 € de fondos líquidos, 657.620 € de dereitos pendentes de cobros e 598.300 € de obrigas pendentes de pago.

728.851 € aforrados
Con todo isto pódese falar de 728.851 € de aforro neto legal, o que supón un 10,28% sobre os dereitos liquidados por operacións correntes. No que respecta á regra de gasto, a diferenza entre o límite deste e o gasto computable é de 61.926 €, o que fai que se cumpra co obxectivo. Ademais, a porcentaxe de débeda viva sobre os recursos correspondentes é do 60,87%, moi por debaixo do 110% sinalado pola Lei de facendas locais.

Por último, o informe de Intervención sinala tamén o período medio de pagamento da débeda comercial, situándoa o 31 de decembro de 2015 en pouco máis de 10 días, moi por baixo da media galega e estatal situadas en algo máis de 26 e 40 días respectivamente.